O colexio O Cruceiro de Vilalonga suscita o interese europeo polo seu modelo de arquitectura pedagóxica

Sanxenxo
06 de xullo 2022

Unha delegación de representantes de Turquía e de Austria visitaron este mércores o centro educativo

Unha delegación de Turquía e de Austria visitaron o colexio O Cruceiro
Unha delegación de Turquía e de Austria visitaron o colexio O Cruceiro / Concello de Sanxenxo

Unha delegación de representantes de Educación en Europa procedentes de Turquía e Austria visitaron este mércores Sanxenxo para coñecer o colexio O Cruceiro de Vilalonga como modelo de arquitectura pedagóxica acompañados de Ángel Sánchez, director do Centro Autonómico de Formación e Innovación. 

O centro responde xa os parámetros dunha unha nova arquitectura institucional educativa acorde coas novas metodoloxías de aprendizaxe, cos novos espazos de socialización escolar e cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030.

A concelleira de Educación, Paz Lago, e a alcaldesa en funcións, María Deza, recibiron ao grupo no salón de plenos do Concello para agradecer a súa visita ao municipio e o seu interese por coñecer o colexio de recente construción na zona de O Revel.

A continuación, Lago acompañoulles na súa visita guiada polo centro educativo, na que tamén estivo o director e varios profesores, e comprobaron as facilidades para transportar o novo mobiliario escolar ou modificar espazos dentro dunha aula, así como as novas formulacións pedagóxicas.

A visita enmárcase dentro dun proxecto europeo de cooperación para a innovación e intercambio de boas prácticas no que participan Turquía, Austria, Bélxica, Portugal, República Checa e España. "E para nós un orgullo que un centro de recente construcción no noso municipio sexa un exemplo de innovación educativa", asegurou Paz Lago.

Pola súa banda, Ángel Sánchez asegurou que é "exemplo desta aposta en Galicia polo cambio por estas novas infraestruturas modernas pedagóxica que permite unha educación versátil. A pandemia fai aínda máis importante este cambio". 

Na mesma liña, sinalou que "os representantes dos países que nos acompañan están encantados co colexio que estamos visitando".

O colexio ten capacidade para 450 alumnos e conta con aulas con divisións móbiles que permitirán adaptar os espazos con flexibilidade, en función das circunstancias e atendendo ao contexto covid. Está construído nunha parcela de 11.346 metros cadrados, conta cun total de 11 aulas, biblioteca, comedor, e ximnasio.