Nova operación antidroga no porto de Marín. Unha investigación conxunta da Garda Civil, a Polícia Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira permitiu intereptar un alixo de 120 quilos de cocaína.
A droga foi localizada adherida ao casco dun barco que arribou á dársena marinense o xoves, segundo a información facilitada polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Trátase dun buque cargueiro ruso que navega con bandeira panameña, o Crown Garnet. Está a facer a ruta entre Brasil e Dover (Reino Unido) e ten prevista escala en Róterdan (Holanda).
Os investigadores tiveron coñecemento de que puña ter droga adherida ao casco, de modo que, ao chegar ao porto o xoves, foi retido.
Este venres, a Garda Civil desprazou até o porto de Marín ao Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS), que realizou unha inspección e loclaizó a droga.
Unha vez recuperado o alixo por parte dos mergulladores, os investigadores comprobaron que se trata de 120 quilogramos de cocaína.

Abel Losada quixo felicitar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado por "manter a garda moi alta" e "seguir logrando éxitos" na loita contra a droga.
E aprevechó para enviar unha mensaxe "moi clara" aos narcotraficantes, que "por moito que se esforcen, a presión policial da Garda Civil, a Policia Nacional e Vixilancia Aduaneira vai continuar".