As autoridades incautaron 340 quilos de centola na ría de Arousa durante o primeiro día de apertura da campaña de extracción deste crustáceo, que levaba en veda desde o pasado mes de xuño.
Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia requisaron esta centola nun barco que excedía os topes máximos establecidos.
O límite por día son 35 quilos por cada embarcación dedicada á captura da centola, máis outros 35 por cada tripulante enrolado a bordo.
A embarcación en cuestión levaría a bordo máis de media tonelada de centola, segundo confirmaron fontes da Consellería do Mar.
Ademais, o mesmo barco foi obrigado a levantar os aparellos calados, liberando outros 200 quilos de capturas que xa estaban enmalladas.
En total, foron incautadas 89 pezas de miños (4.450 metros) e o barco foi precintado como medida cautelar ante o inicio do expediente sancionador.
Neste operativo, enmarcado nos labores de control e vixilancia para cumprir o plan de xestión e conservación desta especie, colaboraron tamén axentes da unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia e o servizo marítimo da Garda Civil.
Desde a Xunta de Galicia denunciaron o impacto negativo que teñen estas prácticas para o sector profesional, pondo en risco o desenvolvemento da campaña e o bo comportamento nos prezos deste produto no mercado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.