Totalmente destruída. Así quedou a casa que estaba okupada no barrio dos Duráns, en Vilagarcía, tras o incendio rexistrado este xoves no seu interior.
O incendio detectouse sobre o nove e media da mañá, segundo o 112 Galicia.
A pesar de que o lume foi sufocado pouco despois polos bombeiros do Salnés e por persoal do servizo municipal de emerxencia, os danos foron cuantiosos.
A casa okupada, situada no numero 4 da rúa, quedou destruída no seu interior e, practicamente, a ceo descuberto ao caer o tellado.
Dentro da vivenda non se atopaba ninguén, polo que só hai que lamentar os danos materiais no propio inmoble e os efectos do fume nos edificios máis próximos.

A rápida actuación dos servizos de emerxencias evitou que o lume puidese estenderse ás vivendas contiguas e do resto da rúa.
Os membros do operativo seguen na zona para completar os traballos de refresco e baleirado da edificación.
O propietario do inmoble xa foi contactado e, tras a inspección que haberá que realizar para avaliar a situación na que quedou a edificación, adoptará as medidas oportunas para evitar novas incidencias.
Neste operativo participaron tamén axentes da Policía Local e da Policía Nacional.