Os servizos de comedor escolar e Plan Madruga que presta a Federación de ANPA de centros públicos da provincia de Pontevedra (FANPA) xa teñen data de entrada en funcionamento unha vez que se resolveron todos os problemas organizativos que xurdiron durante as útlimas semanas para a prestación dos servizos adaptados ás normas para a prevención da Covid-19.
En concreto, os servizos comezarán o vindeiro luns día 5 de outubro nos centros públicos dos concellos de Pontevedra e Marín que os teñen xestionados por Fanpa.
A actividade porase en marcha, segundo deu a coñecer a Fanpa, unha vez producida a validación por parte da Xunta de Galicia do protocolo para os dous servizos de Plan Madruga que redactou a federación.
Antes do 5 de outubro, a FANPA e e a empresa Arume realizarán nos centros escolares as tarefas necesarias para implementar o protocolo, coordinando as medidas coas direccións dos centros onde se prestan os servizos.
A Fanpa está ultimando os prezos definitivos dos servizos aplicando a subvención e faranos públicos o antes posible.
De momento, xa anunciaron que os prezos serán, polo servizo de comedor escolar, 21,27 euros para un día e, para os cinco días da semana, 106,37 euros ao mes. Dous días son 42,55, tres días sube a 63,82 e catro días serán 85,10.
Os prezos do Plan Madruga sen almorzo son para cinco días, 58,17; para catro días, 46,53; para tres días, 34,90; para dous días, 23,27; e 11,63 euros para os escolares que só precisen un día.
Os prezos conxuntos de Plan Madruga con almorzo 73,65 para cinco días; 58,92 para catro días; 44,19 para tres días; 29,46 para dos días; e 14,73 para un día.
Desde a Federación de ANPA agradecen publicamente ás distintas asociacións de pais e nais de Pontevedra e Marín o apoio que lles prestaron nestas semanas, mentres se facía todo o posible por acadar as condicións necesarias para a prestación dos servizos nunhas condicións axeitadas.
Ademais, dan as grazas ás familias pola "paciencia mostrada" fronte á incógnita do inicio destes servizos tan necesarios para a conciliación laboral e familiar.