Incorpóranse 15 auxiliares da Policía Local para reforzar a seguridade estival en Sanxenxo

Sanxenxo
16 de xuño 2023

Permanecerán no servizo ata o 15 de setembro. O Concello ten previsto que outros 15 auxiliares se incorporen o 1 de xullo e manterán a súa actividade ata o 30 de setembro. Durante as fins de semana as quendas de noite serán reforzadas co apoio de axentes desprazados doutros puntos da comarca do Salnés a través dun acordo de colaboración entre concellos

Auxiliar da Policía Local regula o tráfico en Sanxenxo
Auxiliar da Policía Local regula o tráfico en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Na mañá deste 15 de xuño incorporábanse 15 auxiliares para reforzar á Policía Local de Sanxenxo que permanecerán activos ata o 15 de setembro. Está previsto que o 1 de xullo se incorporen outros 15 auxiliares que continuarán ata o 30 de setembro.

O Concello sinala que este reforzo busca garantir a seguridade durante a tempada estival debido ao aumento de poboación durante a época de verán, que normalmente se quintuplica.

Tamén se reforzarán as quendas de fin de semana grazas ao apoio de axentes desprazados doutros puntos da comarca do Salnés. O Concello mantén un acordo de colaboración con outros municipios da contorna.

Luisa Fariña, xefa da Policía Local, sinala que este verán van incrementarse os controis de tráfico en distintos puntos do municipio. 

Tamén o servizo de Emerxencias Sanxenxo, con 12 traballadores de forma continua, desde o 1 de xullo e ata o 30 de setembro, refórzase con tres novos efectivos. 

Desde este xoves tamén traballa o servizo de socorrismo de forma continuada de 12.00 a 20.00 horas, nas praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo e tamén as fins de semana en Foxos e Ou Espiñeiro - A Lanzada.

A partir do 1 de xullo, todas as praias con bandeira azul contarán con ese servizo e no caso de Silgar aumentarase unha hora.