O Concello de Poio reforzará a dotación de contedores do lixo nos accesos das praias habilitadas para o baño ao longo de toda a franxa costeira do municipio, facendo especial énfase nas que reciben a un maior número de bañistas ao longo do verán. Así o confirmou este luns o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, que explicou que esta medida virá acompañada da retirada das papeleiras e recipientes situados nos propios areais.
O edil do Goberno local fixo fincapé na necesidade de concienciar tanto á veciñanza como aos visitantes da importancia de que estes residuos non se deixen nos areais.
O responsable de Servizos Municipais recalca que "coa retirada das papeleiras e a dotación de contedores na vía pública en emprazamentos próximos aos acesos ás praias evitamos que se dean situacións como a acumulación de lixo na area".
Á marxe desta medida, o Concello continúa a desenvolver traballos de limpeza e posta a punto, de xeito periódico, nas 15 praias habilitadas para o baño.
Nas últimas semanas procedeuse á instalación de duchas en todos estes areais. Nos vindeiros días tamén se habilitarán os módulos de aseos que darán servizo nas praias de Raxó, Xiorto e Cabeceira, aos que se suman os que permanecen operativos durante todo o ano, como son os de Lourido, e O Laño, ademais do módulo situado no porto de Combarro e que tamén é utilizado por bañistas da praia da Canteira.
Por outra banda, o Concello de Poio avanza no proceso de tramitación para a contratación de socorristas, que prestarán servizo nas praias de Cabeceira e Xiorto. O responsable de Persoal, Xosé Luís Martínez, informa de que a partir deste martes 21 de xuño publicarase na Sede Electrónica o listado provisional de admitidos.
A intención da Administración local é que os profesionais contratados xa estean operativas a partir de principios de xullo e ata ben entrado o mes de setembro.