Informe positivo del Ministerio de Medio Ambiente á remodelación do Nó de Bombeiros

Pontevedra
02 de outubro 2014

Unha vez analizada a documentación que obra no expediente, e considerando as respostas recibidas ás consultas practicadas, os técnicos do Ministerio conclúen que o proxecto cumpre os requisitos ambientais, dando o seu visto e prace á reforma

Nó dos Bombeiros
Nó dos Bombeiros / Diego Torrado

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves unha Resolución do 17 de setembro de 2014, da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, pola que se informa favorablemente ao proxecto Remodelación do Nó de Bombeiros.

A reforma do enlace de Pontevedra Norte da Autoestrada do Atlántico AP-9 ten como principal obxectivo simplificar as circulacións, reducindo os percorridos e facendo máis directas as incorporacións á autoestrada dende Pontevedra, aproveitando a proximidade da nova glorieta norte da ponte das Correntes cos ramais da AP-9.

Formúlase modificar total ou parcialmente o trazado dos catro ramais do enlace e suprimir a intersección en T na estrada PO-531.

O informe medioambiental foi trasladado a diferentes institucións e das respostas recibidas cabe destacar que a Deputación considera que os impactos non son especialmente relevantes, xa que a zona non está considerada Espazo Protexido ou de Interese e a afección a novos terreos é mínima.

Pola súa banda o Concello de Pontevedra inclúe informes de diversos departamentos entre os que destaca que debería dar solución ao tráfico peonil e ciclista existente no ámbito do proxecto.

Unha vez analizada a documentación que obra no expediente, e considerando as respostas recibidas ás consultas practicadas, os técnicos do Ministerio conclúen que o proxecto cumpre os requisitos ambientais, dando o seu visto e prace á reforma.