Informe técnico favorable para que a Praza da Chousa en Combarro deixe de pertencer a Portos de Galicia

Poio
23 de novembro 2021

A reversión deste espazo afectaría a unha extensión de preto de 11.000 metros cadrados, que incluiría, ademais da praza, parte da Baixada á Chousa e o Paseo das Redeiras. O Concello de Poio remitirá o informe do enxeñeiro municipal a Portos de Galicia lembrando que, na actualidade, carece de actividade marítima ou pesqueira

Actividades na praza da Chousa
Actividades na praza da Chousa / ACDeM Armadiña - Arquivo

A comisión de Urbanismo do Concello de Poio analizaba este martes o documento técnico elaborado polo enxeñeiro municipal onde se informa de maneira favorable á reversión do espazo portuario da Chousa, na parroquia de Combarro.

Este espazo actualmente pertence a Portos de Galicia, pero o  Concello quere que pase a titularidade municipal ao entender que carece de actividade marítima ou pesqueira. O informe técnico é un requisito necesario para reactivar este proceso de reversión.

A acción prodúcese despois de que o departamento de Portos de Galicia, que depende da Xunta, solicitara unha confirmación oficial ao Concello de Poio para continuar co proceso e converter en terreo municipal o espazo de ao redor de 11.000 metros cadrados no punto máis turístico do municipio. O espazo acolle a praza da Chousa, parte da Baixada á Chousa, en concreto o espazo entre os números 34 e 36, ademais do Paseo das Redeiras, que serve de unión entre a praza e o Peirao da Canteira.

O Ministerio de Transición Ecolóxica trasladara ás dúas partes, a través do Servizo de Costas, un comunicado no que explicaba que a fórmula da reversión é a que se axusta mellor a un cambio de titularidade destes terreos. Chelo Besada, tenente de alcalde e concelleira de Pesca e Marisqueo; e Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo, mantiveron nas últimas horas un encontro con responsables do Servizo Provincial de Costas para tratar estes trámites. No momento en que finalice o procedemento con Portos de Galicia, o Concello deberá iniciar a fase final co Servizo de Costas.

Esta operación iniciábase en 2018 por parte do  Concello de Poio co obxectivo de que o espazo sexa destinado a usos e servizos municipais, tal e como demanda o tecido social de  Combarro, segundo indican desde o goberno local.