Os dous axentes da Garda Civil detidos como supostos 'toupas' de narcos do Salnés ingresaron en prisión tras prestar declaración no Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra.
O xuíz decretou o ingreso en prisión para tres dos seis detidos nesta operación, os dous gardas e un civil da comarca do Salnés. Os outros tres arrestados quedaron en liberdade tras prestar declaración nas dependencias da Garda Civil.
A operación segue aberta e non se descartan novas detencións, pero do coñecido ata o momento polos investigadores considérase que o período de tempo no que se levaron a cabo estas actividades ilícitas que axudarían a narcotraficantes arousanos é "bastante limitado".
Os dous axentes están acusados da suposta comisión dun delito de infidelidade na custodia de documentos oficiais. Revelarían datos de información oficial do Corpo a redes de narcos e mesmo terían chegado a poñelos á venda ao mellor ofertante.
Estes dous gardas, dos cales un é D.F.C., veciño do Grove, foron detidos como consecuencia dunha investigación maior que se resolveu ata o momento con seis detencións. Os outros catro detidos están acusados dun delito de revelación de segredos. A investigación é pola suposta comisión de varios delitos contra a Administración Pública.
O Corpo encadra estas detencións nas investigacións levadas a cabo pola Garda Civil no marco da loita contra os casos de corrupción que se poidan dar tanto fóra coma dentro da propia Institución.
A investigación foi dirixida conxuntamente polo maxistrado titular do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra e o fiscal Antidroga, Luis Uriarte, e as detencións realizounas o Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil.