A reiterada petición dos veciños de Lérez de habilitar medidas para mellorar a seguridade viaria na estrada N-550 vaise converter en realidade.
O Concello de Pontevedra anunciou que este luns 15 de abril iniciará os traballos para instalar tres pasos de peóns con semáforos que permitan atravesar a estrada nacional con seguridade ao seu paso pola parroquia.
Aínda que se trata dunha vía propiedade de Fomento, o goberno local decidiu asumir o custo da intervención cun investimento de 208.000 euros.
A demanda dos veciños era a instalación de pasos de peóns elevados, pero Fomento non autorizou esta medida e si a colocación de semáforos que garantan o cruzamento dos peóns pasada a rotonda da Avenida de Compostela con Médico Ballina, na saída da cidade dirección Santiago.
En concreto instalaranse pasos con semáforos en Ramallás coa Ferreira, Casaldourado coa Cendona e á altura da marquesiña de transporte público.