Inician a reparación da estrada do Muíño, afundida polos desperfectos da estrutura de drenaxe

Poio
13 de marzo 2023

Os servizos técnicos xa traballan, segundo a Deputación de Pontevedra, para reparar o burato aparecido nesta estrada provincial que une O Muíño coa parroquia pontevedresa de Campañó. A duración dos traballos dependerá da revisión que o persoal técnico realice e se comrpoben os danos ocasionados no firme

Intervención de Protección Civil de Poio na estrada EP 0603
Intervención de Protección Civil de Poio na estrada EP 0603 / Protección Civil de Poio

Os servizos técnicos xa se atopan traballando para reparar o buraco que se abría na estrada provincial EP-0603 entre O Muíño e Campañó, no municipio de Poio, durante a noite do sábado 11.

Segundo informa a Deputación de Pontevedra, a maquinaria desprazarase ao longo da xornada ao lugar onde se rexistrou a avaría. A inspección visual realizada inicialmente reflicte que este problema se debe á deterioración da estrutura de drenaxe transversal por mor das fortes choivas.

Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, indica que a reparación consistirá na apertura transversal no punto onde se produciu o afundimento para cambiar unha vella canle de drenaxe de pedra por unha estrutura prefabricada e con sección suficiente.

A duración dos traballos dependerá, segundo a Deputación, da situación que o persoal técnico atope unha vez se realice a apertura da calzada e a comprobación exhaustiva dos danos.

Tras a primeira intervención de Protección Civil de Poio, o tráfico foi desviado xa durante esa mesma noite por vías alternativas, para evitar este punto situado á altura da Ponte dos Demos. Ata que finalice a reparación da calzada non se poderá abrir a circulación nesta vía.

Agís sinala que se estuda a posibilidade de que se poida retomar cun firme provisional, dado que a Deputación mantén aberto un expediente de contratación para asfaltar este tramo da EP-0603.