A recuperación do Castro das Croas, en Salcedo, está un pouco máis preto tras o inicio dos traballos na zona.
Os expertos empezaron a realizar uns labores que pretenden "datar o xacemento, poñelo en valor e dalo a coñecer a veciños e visitantes" dando continuidade ás escavacións "que nos anos 90 iniciou o arqueólogo Antonio de la Peña e que quedaron a medias", declarou o acalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras visitar o lugar.
Este mércores empezouse a escavar na zona baixa do asentamento, onde se encontra a muralla que rodea o castro. Despois pasarase á zona alta, lugar no que se encontrou parte dunha cabana nos anos 90 e que é a que máis interesa aos especialistas, segundo explicou o arqueólogo Eduardo Méndez.
Os traballos realizaranse con calma debido a que os recheos que se fixeron na zona durante a construción da AP-9 dificultan os labores e porque "o importante é traballar na recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico do rural para que todos os pontevedreses coñezan o seu entorno e poidan gozar del", indicou Lores nunha visita que tamén contou coa presenza dos concelleiros Demetrio Gómez e Anxos Riveiro e representantes da Comunidade de Montes e da asociación Heroes do Campo da Porta.
Ao contrario que os castros de maiores dimensións como San Cibrán de Laxe ou Santa Tegra, que son dunha fase tardía, crese que o Castro das Croas de Salcedo é dos máis antigos pola súa extensión e polo tipo de vivenda descuberta.