"O Castro das Croas é moi importante dentro do proceso de desenvolvemento do mundo castrexo en Galicia"

Pontevedra
08 de setembro 2014

A intervención arqueolóxica do Monte das Croas deste verán tivo un resultado "moi positivo" que permitiu que os arqueólogos confirmasen que "é un castro antiguo dentro do fenómeno catrexo, que pode ter mais de 2.500 ou 2.600 anos". Este luns fíxose unha visita guiada coa presenza do alcalde e das concelleiras María Biempica e Carlota Román

Lores, Carlota Román e María Biempica coñecen a zona da cabana do Castro das Croas
Lores, Carlota Román e María Biempica coñecen a zona da cabana do Castro das Croas / Mónica Patxot

A intervención arqueolóxica do Monte das Croas deste verán tivo un resultado "moi positivo" que permitiu que os arqueólogos confirmasen que o Castro das Croas "é un castro antiguo dentro do fenómeno catrexo, que pode ter mais de 2.500 ou 2.600 anos" e estén a pensar xa nas propostas que se presentarán ao Concello para que promova unha nova campaña de escavacións no que consideran "un castro moi importante dentro do que é o proceso de desenvolvemento  do mundo castrexo en Galicia".

O director da escavación, Eduardo Méndez, explicou que a intervención en si rematou este venres 5 de setembro, pero a escavación quedará aberta porque nos próximos meses o Concello promoverá diversas actividades de difusión. Posteriormente farase un tapado preventivo ata a campaña do ano que ven.

Os traballos realizados centráronse na estrutura situada na parte superior do espazo, que resultou ser unha cabana case completa, e na zona de muralla situada na parte de abaixo. Ambos os dous resultaron ser "elementos de grande interese", en especial, a muralla. Segundo Eduardo Méndez, "nos está falando dun tipo de estructura praticamente único nun castro desta antigüidade", pois o normal é que teñan unas estruturas "moito máis débiles, moito menos aparentes" e, neste caso, descubriron "unha muralla de un porte francamente especial, espectacular".

E canto á cabana superior, puideron completar a escavación, pero descubriron que "está practicamente arrasada" e non chegaron a escavar propiamente os niveis de uso da cabana, só a cimentación. A pesares diso, atoparon materiais arqueolóxicos que lles van "axudar a caracterizar mellor a nivel cronolóxico a ocupación do castro".

Á vista destes resultados, de cara ao futuro, proporán ao Concello seguir escavando na zona da muralla para buscar máis estruturas (calculan que ten 100 metros e hai á vista 14) e, na parte superior, retirar parte dos recheos que levan alí dende a campaña arqueolóxica promovida por Antonio de la Peña nos anos 90 e seguir á procura de máis cabanas para definir mellor a ocupación do castro. A finalidade última da súa proposta será facer unha nova campaña encamiñada a consolidar e restaurar a muralla para que poida deixarse visitable e ir ampliando para deixar mais tramos de muralla e máis estruturas á vista. 

O equipo que realizou a intervención explicou os seus resultados a unha delegación municipal encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa presenza da concelleira do PSdeG-PSOE Carlota Román e a non adscrita María Biempica. Á visita estaban convidados todos os grupos políticos con representación na Corporación, pero o representante que prevía asistir en nome do PP, Pablo Fernández, tivo que disculpar a súa ausencia no último momento.

Lores resaltou que o Concello quere poñer en valor o Castro das Croas, un dos máis antigos que hai en Galicia escavados, e a idea é que o ano que ven se poida facer un investimento maior ao da campaña 2014 para "seguir investigando e poder descubrilo, musealizado e poñelo a vista de todo o mundo" como "un elemento importante da historia de Pontevedra".

Carlota Román aplaudiu esta intervención, financiada por fondos municipais e de programas europeos, porque está "poniendo en valor nuestra riqueza arqueológica y, en definitiva, nuestra cultura" e "descubrir nuestro pasado es una forma de reforzar nuestro presente y nuestro futuro". Na mesma liña, María Biempica salientou que lle gusta que "o Concello participe neste tipo de iniciativas".

VISITA GUIADA

A escavación do Castro das Croas recibirá este martes unha nova visita guiada a cargo do presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía. Esta visita está aberta a todos os cidadáns sen necesidade de inscrición previa a partir das 11.00 horas e abordará aspectos antropolóxicos, etnográficos e dos usos sociais e rituais do espazo. 

No proceso de estudo do Castro, ademais dos aspectos arqueolóxicos, cobra un  importante papel a análise dos significados e usos que foi adquirindo este espazo ao longo do tempo.