Iníciase a enchedura do depósito da Costa para a súa entrada de novo en funcionamento

Marín
19 de setembro 2022

O Concello asegura que se trata dunha obra "de vital importancia para o municipio", xa que, xunto co depósito de Pedreiras, é o que abastece a todo o casco urbano de Marín

Depósito da Costa
Depósito da Costa / Concello de Marín

Este luns comezou a enchedura do depósito da Costa, no concello de Marín.

A xestión da rede municipal de abastecemento da auga é un dos eixos de traballo do goberno local, que hai seis meses iniciaba a obra de mellora e reforma deste depósito.

O Concello asegura que se trata dunha obra "de vital importancia para o municipio", xa que, xunto co depósito de Pedreiras, é o que abastece a todo o casco urbano de Marín. 

Durante os traballos, acondicionouse toda a instalación, incluíndo a cámara de chaves, e renovouse a caldeirería e as válvulas, coa finalidade de facilitar o control e manipulación do sistema.

En total, investíronse preto de 163.000 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e está previsto, por tanto, que entre en funcionamento nas próximas semanas. 

Desde o Concello, inciden na "relevancia que ten facer inversións na boa xestión do ciclo da auga", xa que se trata dun servizo público esencial. Especialmente, a día de hoxe esta xestión correcta está no punto de mira, pola situación de prealerta por sequía que se está a vivir con carácter global en Galicia.