Iníciase unha campaña para promover a adopción de cans e gatos seguindo os pasos da app Tinder

Pontevedra
07 de decembro 2019

Este sábado presentábase na Praza de España unha campaña informativa para fomentar a adopción durante estas datas de Nadal. O Concello non descarta a posta en marcha dunha aplicación móbil para coñecer as características do animal e saber se encaixará coa personalidade do adoptante

Presentación das campañas de adopción de cans e gatos
Presentación das campañas de adopción de cans e gatos / PontevedraViva

Coa intención de que cada persoa atope á súa "match" na protectora de animais de Pontevedra, o Concello puxo en marcha, a través da concellería de Benestar Animal en colaboración con Polo Correo do Vento, as campañas Cander e Miahoo.

Este sábado presentaban estas iniciativas na praza de España con representantes de Os Palleiros e doutros colectivos animalistas, ademais dos creadores desta proposta que pretende incentivar as adopcións de cans e gatos durante estas festas do Nadal cunha fórmula parecida á de Tinder.

Deste xeito preséntase Napoleón: un can de seis anos, optimista, moi riquiño, deportista, amante de ir en canoa polo Lérez. Napoleón busca un humano ao que lle gusten os paseos, o bo comer e as cancións tradicionais

A concelleira socialista responsable de Benestar Social, Paloma Castro, indicaba que se editaron trípticos onde se explica como facer unha adopción para concienciar de que os animais non son xoguetes e que implican dereitos e obrigas. A idea da concellería é poñer en marcha unha aplicación para dispositivos móbiles similar á de Tinder na que consten as habilidades dos animais de forma que a persoa adoptante poida comprobar se se axusta ao seu ritmo de vida.

Neste sentido, Tania Solla, ilustradora da campaña, explicaba que os animais teñen personalidades distintas igual que sucede cos humanos. "Podes coller a un can bonito pero ten unha enerxía brutal e non dás. Por iso hai que ver se hai match entre a persoa e os cans e gatos que se atopan á espera de ser adoptados", explicaba na presentación desta iniciativa.

Enrique Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, afirmaban que a idea tamén é fomentar as adopcións e dar a coñecer o labor que desenvolven os diferentes colectivos de protección das mascotas. "Queremos fomentar unha adopción responsable", indicaban. Neste sentido, Paloma Castro reclama a persecución daquelas persoas que maltratan aos animais e pediu á Xunta de Galicia que  acúe en casos de agresión a animais como sucedía recentemente en Chantada.

Todas as personas que queiran adoptar un can ou cadela poden pasar pola Protectora de Pontevedra situada en Ribeiro, 1, Campañó, ou contactar a través dos correos electrónicos: [email protected][email protected] y [email protected]

Para iniciar a xestión de acollida de gatos, os correos dos colectivos son [email protected][email protected] y [email protected]

As mascotas que se ofrecen en adopción atópanse vacinadas, desparasitadas e co microchip necesario para a súa identificación.