Iniciativas sociais e de reactivación económica, eixo das emendas do PSOE ao orzamento

Pontevedra
13 de decembro 2016

Que co mesmo diñeiro pódense facer cousas diferentes. Esa é a filosofía que, segundo Agustín Fernández, teñen as emendas que o PSdeG-PSOE presentará ao orzamento municipal de 2017. E todo iso, dixo, "profundizando" nun modelo de cidade que coas contas presentadas polo BNG quedaría "conxelado"

Agustín Fernández, no pleno municipal
Agustín Fernández, no pleno municipal / Mónica Patxot

Que co mesmo diñeiro pódense facer cousas diferentes. Esa é a filosofía que, segundo Agustín Fernández, teñen as emendas que o PSdeG-PSOE presentará ao orzamento municipal de 2017. E todo iso, dixo, "profundizando" nun modelo de cidade que coas contas presentadas polo BNG quedaría "conxelado".

"Se non hai proxecto de futuro, a cidade vai a esmorecer", destacou o portavoz socialista, que indicou que as emendas presentadas están valoradas en 4,2 millóns de euros. A pesar diso, non implicaría un incremento na cantidade global do orzamento, senón que sairían de dar un "novo destino" a varias partidas xa contempladas polo goberno municipal.

Agustín Fernández lamentou que do orzamento de 2015 "máis da metade" dos investimentos previstos haxan quedado sen executar, unha mostra que a "falta de ideas" do BNG que segue apostando, dixo, por proxecto "esgotado" e por un equipo que "non funciona".

Así, os socialistas entenden que as contas municipais para 2017 deben incluír unha maior aposta polas políticas sociais. Para iso propoñen, entre outras cuestións, aprobar axudas domiciliarias á infancia ou ampliar a partida destinada ao centro de día para persoas sen recursos; que sairían da eliminación das direccións xerais do Concello.

O PSdeG-PSOE pide incluír un millón de euros para o saneamento do rural, reducindo a partida para infraestruturas deportivas -xa contempladas no convenio coa Deputación-, 565.000 euros para a redacción dun plan de reactivación económica do municipio, 150.000 euros para obras en colexios ou outros 100.000 euros para un plan estratéxico da cidade.

Para o deporte, os socialistas reclaman un aumento nas axudas para entidades deportivas e para a promoción do deporte e que os patrocinios "discrecionais" do alcalde a deportistas de elite se convertan nunha liña de subvencións regrada para deportistas individuais, para que a piden destinar case 60.000 euros.

Ademais, Fernández explicou que outros 75.000 euros deberíanse destinar a un estudo para a remunicipalización do servizo de abastecemento de auga e 400.000 euros para habilitar unha das tres vías sanitarias propostas polo PSOE para substituír os lombos por outros reductores de velocidade entre Bombeiros e Montecelo, a través da Seca.

Os socialistas suxiren para iso modificar partidas de obras urbanas, de promoción de actividades, do parque forestal da Fracha ou aproveitar os 150.000 euros que se poderían ingresar en 2017 se se aplica a taxa ás empresas de telefonía, cuxa implantación foi aprobada en pleno hai xa varios meses.