A aprobación do orzamento municipal para 2017 se lle atraganta ao BNG. A oposición acordou -co voto en contra dos nacionalistas- introducir 22 emendas a estas contas, algo que molestou profundamente ao goberno local. Visiblemente enfadado, o alcalde cualificou este "pacto en toda regla" como unha "moción de censura encuberta e covarde".
A oposición, asegurou Miguel Anxo Fernández Lores, chegou a un acordo para "tentar tombar a este goberno" e denunciou que estas emendas aprobadas "a mala lei" supoñen "destrozar" un orzamento que, segundo o alcalde, era inicialmente "brillante" e que cualificou como "o mellor que fixemos desde que estamos a gobernar".
Fernández Lores acusou a PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns de querer "impedir" que o BNG goberne a cidade de Pontevedra e que poida facer unha "mínima" xestión, limitando a marxe de manobra do executivo local para seguir apostando por un modelo de cidade "exitoso" que, engadiu, a oposición quere "destruír".
"Non vamos aprobar estes orzamentos con estas ideas nin de coña porque estariamos atados de pés e mans", destacou o alcalde, que avanzou que no BNG "faremos o que consideremos mellor para os cidadáns de Pontevedra".
"Non vamos aprobar estes orzamentos con estas ideas nin de coña porque estariamos atados de pés e mans", destacou o alcalde
En todo caso, o rexedor da capital asegurou que os nacionalistas "aínda non temos decidido" como van responder ante esta "manobra" da oposición. "É unha auténtica gamberrada que non aporta nada e vai en contra dos intereses dos cidadáns", dixo Lores, que espera que antes do pleno do luns a algún partido "lle veña o sentidiño e nos permitan gobernar".
Así, todo apunta a que o orzamento actual será prorrogado. O pleno do próximo luns debería debater as contas para 2017 tal e como foron emendadas pola oposición, pero o goberno municipal emitiu un voto particular no que mostra a súa desconformidade. Isto significa que se a oposición non rectifica e apoia o proxecto inicial, o BNG retirarao do pleno.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, lembrou que o orzamento presentado polo goberno local pasou por un proceso "amplísimo" de debate e incorpora "numerosas" propostas realizadas por colectivos sociais da cidade e por partidos políticos que, agora, "non queren poñerse de acordo co goberno e se poñen de acordo entre eles".
O responsable das finanzas municipais engadiu que, con este panorama, prorrogar o orzamento "sería o menos malo do que estamos vendo", aínda que supoñerá problemas de xestión ao longo de todo o exercicio de 2017 e terá, entre outras, consecuencias no límite do teito de gasto que marca o Ministerio de Facenda.