O portavoz municipal do Partido Socialista Tino Fernández remitiu unha carta ás tres federacións de veciños, Castelao, Boa Vila e Teucro, na que explica as emendas realizadas polo seu grupo aos orzamentos do goberno do BNG.
Nesta misiva explican a petición de executar unha vía sanitaria libre de lombos que se dirixa ata Montecelo; a proposta de destinar un millón de euros anuais ao saneamento do rural; a ampliación do gasto social para familias con escasos recursos; incrementar a cantidade destinada a reparación, mantemento e a conservación dos colexios; aumentar a liña de axudas a clubs deportivos, actuar sobre a economía local, elaborar un Plan Estratéxico e remunicipalizar o servizo de abastecemento de auga.
O escrito finaliza cunha solicitude de reunión coas asociacións que forman parte destes colectivos e suxire aos presidentes que estuden a posibilidade de organizar un debate público e aberto entre o alcalde Miguel Anxo Fernández lores e o portavoz socialista para poñer luz nas propostas de cada grupo político.