Martiño Noriega avoga por un acordo entre Marea e BNG: "É o lóxico e o que a xente espera"

Pontevedra
20 de decembro 2016

A situación do orzamento municipal de Pontevedra segue no centro do discurso político, tamén a nivel autonómico. O último en pronunciarse respecto diso foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que teme un "efecto contaxio" na capital galega que dificulte a aprobación das contas que prepara Compostela Aberta, a marea compostelá

Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega no IES Frei Martín Sarmiento
Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega no IES Frei Martín Sarmiento / Mónica Patxot

A situación do orzamento municipal de Pontevedra segue no centro do discurso político, tamén a nivel autonómico. O último en pronunciarse respecto diso foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que teme un "efecto contaxio" na capital galega que dificulte a aprobación das contas que prepara Compostela Aberta, a marea compostelá.

Así, o rexedor santiagués avogou porque Marea Pontevedra e o BNG acaben atopando un "punto de encontro" e os primeiros apoien o orzamento do goberno pontevedrés porque "entendo que é o lóxico e o que a xente espera".

Nun almorzo informativo con xornalistas, Noriega non quixo profundar na situación de Pontevedra porque "non teño elementos de xuízo", pero entende que debería haber certa consonancia "entre o modelo de cidade que leva representando desde hai moitos anos o BNG e a posición de rexeneración da marea".

O líder de Compostela Aberta, un dos principais referentes das mareas galegas, teme que a situación en Pontevedra afecte a unhas negociacións que, en Santiago, están moi avanzadas co BNG para aprobar os orzamentos municipais, aínda que recoñece que esta preocupación non a comentou cos nacionalistas.

"Hai cousas que non son necesarias falar para que todos entendan que poidan afectar", dixo.

En todo caso, Martiño Noriega asegurou que non tentará influír no devir dos acontecementos na cidade do Lérez porque o seu goberno "unicamente pode operar onde ten chegada, na dinámica local e no diálogo cos grupos da oposición" en Santiago.