A parcela anexa ao cemiterio municipal de Poio, na parroquia de San Xoán, atópase en obras dentro do proxecto de urbanización previsto para a ampliación do camposanto.
A empresa Covsa, adxudicataria do proxecto, comezaba estes traballos durante esta semana Santa. O orzamento sitúase preto dos 450.000 euros e o prazo de execución previsto establécese en seis meses.
Marga Caldas, concelleira de Sanidade, achegouse a ver os traballos durante a xornada deste mércores, acompañada polo enxeñeiro municipal. Polo momento, a actividade céntrase en limpar a parcela e demoler e aplanar o terreo.
A ampliación do cemiterio permitirá que se incrementen os nichos nunha cifra próxima a cincocentos. Desta cantidade, 328 situaranse en panteóns. Ademais incorporaranse 82 osarios.
Tamén se habilitará máis espazo para aparcamento na contorna do cemiterio. A obra inclúe a dotación de conexión e accesos á nova parcela, ademais da previsión de construír un almacén e dous aseos no interior das instalacións.