Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, asinou o decreto de emerxencia para a renovación da canalización do río dos Pracedes ao seu paso pola Rúa do Santo, en Lourizán.
A firma do documento tivo lugar de xeito inmediato tras a recepción, a última hora do pasado venres, da autorización favorable de Adif.
Con este último trámite administrativo superado, o Concello desbloquea a actuación que conta cun orzamento definitivo de 491.404,27 euros e que pretende acabar coas recorrentes inundacións que sofren os veciños da zona.
Os traballos foron adxudicados á empresa Viaqua (Gestión Integral de Aguas de Galicia) e o informe técnico estipula que deben iniciarse no prazo máximo dun mes.
O goberno local pretende axilizar os tempos e prevé que os movementos sobre o terreo comecen a mediados da vindeira semana, dentro do mes de xullo. O prazo de execución acordado é de tres meses, polo que a previsión é que a nova infraestrutura estea operativa a finais de setembro, antes da chegada da época de grandes choivas.
A intervención hidráulica actual é substancialmente máis ambiciosa que a deseñada nun primeiro momento. O proxecto orixinal, que contemplaba un investimento de 270.477,39 euros, tivo que ser modificado tras os requirimentos de Augas de Galicia, organismo que solicitou estender a actuación augas arriba. Esta ampliación elevou a contía ata superar os 491.000 euros.
A nivel técnico, a obra civil supón un salto de escala para garantir a evacuación do caudal.
A tubaxe actual de 800 milímetros de diámetro substituirase por unha de 1.200 milímetros, o que significa máis que duplicar a capacidade de condución anterior, segundo explicaba Miguel Anxo Fernández Lores.
A nova canalización, que terá unha lonxitude de 105,85 metros (case 32 metros máis do previsto inicialmente), cruzará o parque infantil de Os Praceres e chegará ata a liña ferroviaria que dá servizo ao Porto de Marín.
Fernández Lores detallou que os traballos tamén inclúen a construción de sete arquetas de rexistro.
A de maiores dimensións situarase no punto crítico previo á vía do tren, onde se localizaba o principal estrangulamento da rede, mentres que as outras seis distribuiranse ao longo do trazado: unha no parque infantil, outra na marxe esquerda da estrada de Marín en dirección Pontevedra, unha máis na saída sur da Rúa do Santo e tres destinadas a conectar pequenos regatos e canalizacións secundarias na cabeceira da instalación.
Do mesmo xeito, o proxecto incorpora unha nova rede separativa para as augas residuais desde a estrada de Marín ata as inmediacións da vía ferroviaria, conectándoa co resto do saneamento municipal para corrixir as deficiencias da antiga instalación.

A execución destas obras estivo condicionada durante meses polo que a Concellería de Infraestruturas cualificou como un "muro" de autorizacións sectoriais. Ao afectar a unha contorna complexa onde conflúen estradas, dominio público marítimo-terrestre e solo ferroviario, o expediente tivo que pasar polo filtro de múltiples organismos.
A Demarcación de Litoral determinou no seu momento que non era necesaria unha autorización específica ao non existir afección directa ás súas competencias. Pola súa parte, a Axencia Galega de Infraestruturas e Augas de Galicia outorgaron os seus correspondentes informes favorables nos meses previos.
O último obstáculo era Adif e o permiso definitivo emitiuse con data oficial do 15 de xuño, aínda que non se notificou formalmente ata o venres 26 a última hora.
O alcalde amosou a súa "satisfacción" pola resolución duns trámites que se resolveron nun tempo moi inferior ao habitual nestas administracións e salientou o comportamento de todas as partes implicadas.
"Este é un proxecto feito nun prazo récord de tempo. Teño que dar os parabéns e agradecer o comportamento dos veciños, das distintas administracións que nos deron a autorización e, desde logo, o traballo dos técnicos municipais e de Augas de Galicia", declarou Fernández Lores.
O goberno de Pontevedra anunciou que este vindeiro mércores vai asinarse a acta de replanteo nun encontro técnico no que participarán o Concello e Adif. Este trámite permitirá dar inicio á actividade pesada de forma inmediata.
Lores explicou a necesidade de aproveitar o período estival para realizar as escavacións e o asentamento das novas tubaxes. O obxectivo é que a totalidade das instalacións estea soterrada e a pleno rendemento antes de que as condicións meteorolóxicas empeoren, evitando así novos episodios de inundacións nas propiedades e accesos da Rúa do Santo.