Tras pechar a pasarela de Portocelo polo seu mal estado, o goberno municipal de Marín tivo que actuar de urxencia para garantir que, cando menos, unha das súas praias sexa totalmente accesible durante todo o verán.
A elixida foi a praia de Mogor, onde se encargou a instalación de 'pasarenas' para habilitar este areal como accesible e permitir ás persoas con mobilidade reducida que poidan acudir á praia con seguridade.
Os técnicos municipais, da man de empresas especializadas neste tipo de estruturas, están estudando pola súa banda cal pode ser a mellor solución para resolver o problema que actualmente presenta a rampa de Portocelo.
Aínda que foi recibindo labores de mantemento, ten cerca de 20 anos e a madeira presenta problemas serios, que comprometen a súa estabilidade e seguridade.
O Concello afirma que se tratará de buscar unha solución á maior brevidade posible.
Mentres tanto, coa colocación dos 'pasarenas en Mogor', o goberno municipal destaca que "podemos garantir a accesibilidade a unha praia".
"Era unha prioridade que tiñamos neste momento de pleno verán, onde todos debemos ter o mesmo dereito de acceso á praia", subliñan desde o executivo marinense.