O goberno municipal confía en resolver "o antes posible" e, en todo caso, antes da chegada da tempada alta de verán os problemas que se detectaron no sistema de abastecemento de auga cara a Bueu, Marín e o porto de Marín.
Así, os operarios abriron unha gabia duns 300 metros lineais desde A Barca ata As Corbaceiras para colocar unha nova tubaxe de 500 milímetros.
A rede actual, que vai pola galería de servizos, "está danada", segundo explicou o edil Xaquín Moreda. A tubaxe descolgouse dos seus soportes debido á corrosión e reparala "é case inviable", polo que o Concello optou por facer un "by pass" no sistema.
Pontevedra está a fornecer auga a Marín e Bueu, nestes momentos, desde o depósito de Castrosenín, pero Moreda recoñeceu que no verán estes concellos "necesitan máis suministración" ao multiplicarse a súa poboación.
"Tentamos solucionar o problema o antes posible para que os nosos concellos veciños non queden sen suministración de auga", sinalou o concelleiro do BNG, que explicou que esta actuación ten un custo duns 307.000 euros.
A obra, que executa Viaqua, ten un prazo de execución dun mes.
O responsable municipal do ciclo da auga admite que esta actuación "non é provisional", xa que a auga da ría asolaga a galería de servizos de maneira habitual provocando a corrosión das ancoraxes, polo que calquera tipo de arranxo "é inviable dentro dela"
A este respecto, sinalou que "se hai que substituír máis, substituirase" para que o abastecemento de auga desde Pontevedra non se resinta.