Integrantes de Down Pontevedra fan prácticas laborais remuneradas no centro de maiores de Campolongo

Pontevedra
10 de outubro 2023

A Xunta de Galicia achega 20.000 euros para que se poida desenvolver esta iniciativa. Unha das persoas realiza labores de camareiro-limpador e outra traballa na recepción da residencia

Usuarios de Down Pontevedra realizan prácticas na Residencia de Maiores de Campolongo
Usuarios de Down Pontevedra realizan prácticas na Residencia de Maiores de Campolongo / Xunta de Galicia

Dúas persoas usuarias da asociación Down Pontevedra desenvolven as súas prácticas laborais remuneradas na residencia de maiores de Campolongo. Ata o centro achegábase este martes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera para coñecer con detalle esta iniciativa.

Unha das persoas de Down Pontevedra exerce funcións de camareiro-limpador mentres que outra se ocupa de recepción. Unha vez que ambas finalicen o seu período de prácticas  está previsto que se incorporen dous novos traballadores para realizar esta fase de inserción laboral.

A Xunta de Galicia inviste 20.000 euros por cada entidade que forma parte de Down Galicia para facilitar a integración laboral das persoas integrantes da asociación. En total destínase a estas entidades para estas prácticas un total de 140.000 euros.

Establécese unha fase de prácticas de cen horas e un mes de vacacións. Estes traballadores non poderán realizar xornadas laborais que superen as tres horas diarias. Un técnico de apoio, preparador laboral, instrúe a persoa en prácticas para aprenderlle as tarefas encomendadas.