Este xoves 21 celébrase o Día Mundial da Síndrome de Down e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quixo coñecer as instalacións que a asociación Down Pontevedra Xuntos ten, desde hai cinco anos no Gorgullón, un centro con máis de cincocentos metros cadrados onde se realizan diferentes actividades de formación e de integración de persoas con esta síndrome.
O presidente acudiu acompañado por Rafa Domínguez, vicepresidente primeiro provincial, e por Sandra Bastos, deputada responsable de Igualdade e Benestar Social. Eran recibidos por Manuel Pérez Cabo, presidente da asociación, quen explicaba os distintos espazos das instalacións nas que se atende desde bebés ata persoas de avanzada idade, que seguen mantendo entre as súas reivindicacións que se adiante a idade de xubilación para este colectivo, xa que actualmente se sitúa nos 65 anos.
O centro conta cunha vintena de traballadores que realizan diferentes tarefas formativas con preto de 120 persoas usuarias, entre as que destaca o esforzo para potenciar a integración laboral.
As instalacións tamén gardan espazo para momentos de lecer e de expresión corporal e mesmo conta cunha cociña para que realicen prácticas que promovan a independencia dos usuarios no seu día a día.
É o caso de Iván, un dos integrantes de Down Pontevedra Xuntos, que comentaba durante a visita que "xa vou eu só á parada do autobús" para realizar o percorrido entre o centro e a súa vivenda en Monte Porreiro.
Os representantes da Deputación destacaron durante a visita o labor que se realiza nesta sede para colaborar na conciliación da vida das familias que contan con persoas diagnosticadas.con esta afección
Luis López recoñecía que estas asociacións son "clave" e "determinantes non traballo social" ao entender que se trata dunha canle pefecto para que as axudas da administración cheguen ás persoas usuarias.
O presidente provincial mantivo unha reunión de traballo tamén cos representantes de Down Pontevedra Xuntos para analizar o desenvolvemento do programa 'Reforzo da Linguaxe Oral. Área Vida Adulta', que se impulsa desde a Deputación desde o punto de vista económico para colaborar con 51 persoas da zona norte da provincia. Trátase dun servizo especializado de logopedia, que axuda na mellora das capacidades na linguaxe das persoas con esta síndrome.
López garantiu seguir colaborando con este colectivo que proporcionan ás familias "un espazo e un modo de vida acorde cos tempos".
Este xoves 21 está previsto que se celebre o acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down na Casa da Luz reivindicando a integración social e laboral deste colectivo.