'Conexións reais: deseño, arte e educación na era dixital' é o título da terceira edición do Congreso Internacional de Creatividade, que se celebrará no Campus de Pontevedra os días 8 e 9 de outubro.
A cita estará centrada nos cambios que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a provocar en ámbitos como a comunicación, o deseño, a arte e a educación.
Impulsado polo Campus Crea e co apoio da Deputación de Pontevedra, o encontro reunirá a especialistas nacionais e internacionais nun foro que combinará conferencias, mesas temáticas e a presentación de estudos, cuxo foco será en como a creatividade se reconfigura nun contexto marcado pola IA, a sustentabilidade e a ética dixital e a transformación educativa.
Dirixido polas profesoras Margarita Pino e Sara Domínguez Lloria, o congreso articúlase en catro grandes bloques vinculados ás áreas estratéxicas do campus.
"A intelixencia artificial está a producir unha transformación profunda nestes campos, polo que consideramos necesario promover un espazo de análise, reflexión e debate sobre as súas posibilidades, desafíos e implicacións éticas e creativas", destacan desde a organización.
O programa arrincará o xoves 8 coa intervención da artista residente en Ámsterdam Alicia Framis, coñecida polas súas plataformas para a interacción social e creativa.
Tras ela, terá lugar a mesa 'Comunicación e creatividade ao redor da mesa', conducida por Pepe Solla e na que participarán a profesora do CIFP Carlos Oroza Valentina Vázquez e o docente da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Sergio Macías.
Ese mesmo día intervirá a deseñadora e investigadora Arantza Vilas, con experiencia en producións como 'Xogo de tronos' ou 'María, raíña de Escocia'.
Tamén se desenvolverán varios simposios dirigados á formación do profesorado na era dixital e o uso da intelixencia artificial na creación musical.
A xornada do venres 9 estará centrada na análise do papel da intelixencia artificial na educación e os procesos creativos, con relatorios como a do profesor Roberto Baelo e mesas redondas nas que participarán investigadores, profesionais do deseño e expertos en innovación tecnolóxica.
Paz Prendes, catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Murcia, será a moderadora deste encontro.
Nesta segunda xornada desenvolverase tamén a mesa redonda 'O emprego da IA en procesos creativos', coa participación de María José Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga); da deseñadora de moda e gráfica Marta Domínguez, e de Oriol Saña, director artístico do proxecto Superarche, que dá visibilidade ao talento das persoas con discapacidade.
Finalmente, a conferencia de clausura, 'Intelixencia artificial e mentes creativas', centrada no deseño de experiencias didácticas transmedia, correrá á fronte da catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Oviedo María Esther del Moral.
O congreso contará tamén coa presentación de 46 estudos elaborados por 65 investigadores procedentes de universidades de España, Portugal e países latinoamericanos como Guatemala e Colombia.
A maioría das intervencións realizaranse de forma presencial, aínda que o evento combinará a asistencia presencial e virtual.
Aínda que a selección dos relatores e relatoras xa está pecha, as inscricións para asistir ao congreso, de caractar gratuíto, permanecen abertas até o 26 de setembro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.