Intelixencia artificial e semáforos virtuais e físicos para saber desde a casa se hai oco nas praias de Marín

Marín
03 de xullo 2020

O Concello instalou nos areais cámaras de visión artificial que recollen a situación en tempo real da praia, procesan os datos e fanos chegar á cidadanía en forma de semáforo a través das redes sociais e páxina web municipais e dunha App. Tamén haberá semáforo na propia praia e unha pantalla no casco urbano

Presentación do novo sistema de control de praias de Marín
Presentación do novo sistema de control de praias de Marín / Pontevedraviva

Esta fin de semana, previsiblemente o domingo 5 de xullo, entra en funcionamento o novo sistema de control da capacidade das praias de Marín, que, a través da intelixencia artificial, calcula a ocupación en tempo real dos areais e traslada eses datos á cidadanía en forma de semáforos físicos e virtuais, para que poida saber, xa antes de chegar, se vai ter opción de acceder ou non dada a limitación de capacidade que tivo que impoñerse pola crise do coronavirus. 

Cor verde se o nivel de ocupación é baixo, amarela se é medio, laranxa se é alto e vermella se a praia está completa. Esas serán as claves para os cidadáns, un xeito sinxelo de saber se é mellor acudir a outra praia ou agardar a que esa se baleire. 

O concelleiro de novas tecnoloxías de Marín, Manuel Santos, deu a coñecer este e outros detalles este venres nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañado polo xefe da Policía Local, Benigno Blanco, as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña e Jorge Cajiao, responsable da empresa de Marín que deseñou o sistema, The Lab Company.

Jorge Cajiao explicou a parte técnica deste sistema, que xa se anunciara días atrás para as praias de Aguete, Mogor, Portocelo e Loira, pero do que se descoñecían os detalles.

Así, indicou que os sistema é posible grazas á instalación en cada uno dos areais de cámaras de visión artificial, que recollen as imaxes coa situación en tempo real da praia cada 15 segundos, procesan eses datos e inmediatamente despois destrúen esas imaxes. Desta maneira, respéctase totalmente o dereito á intimidade dos usuarios, pois a súa presenza na praia non queda nin gravada, pero téñense os datos precisos para calcular a ocupación real. 

Eses datos procésanse de tal maneira que cheguen á cidadanía dunha forma moi sinxela de entender, a través das cores dos citados semáforos. Todas as persoas que desexen velos poderán consultalos nas redes sociais e páxina web do concello, nunha App para dispositivos móbiles que estará dispoñible nos próximos días e tamén de forma física, pois está previsto que nun prazo dunha semana ou dez días estean instalados nas praias e tamén a través dunha pantalla LED ao carón da parada de autobús da avenida de Ourense, no casco urbano de Marín. 

Desta maneira, o cidadán ten "unha visualización en tempo real", actualizada cada 30 segundos, de como está a ocupación de cada praia sen saír da casa ou desde calquera lugar, para non ter que chegar á praia e atoparse con que non pode entrar, pero tampouco se deixa de lado ás persoas que carecen de acceso ás novas tecnoloxías, pois poderán velo ao pé do areal ou antes de coller o autobús ou saír do casco urbano de Marín

Esta información, ademais, completarase con datos sobre a predición do tempo de Meteogalicia, o estado das mareas ou a temperatura da auga, ofrecendo ao cidadán "todos os datos que poderían ser o factor determinante para decidir se ir á praia ou non"

O sistema deseñado permite saber a ocupación da praia completa e tamén por zonas, e será de gran utilidade para o control complementario que realizará a Policía Local de Marín. Durante todo o verán unha patrulla encargarase de controlar as distintas praias e garantir que se respecta a capacidade de cada unha. É de 969 persoas en Portocelo, 1.280 en Mogor, 2.645 en Loira e 1.693 en Aguete.

"Cando o semáforo nos indique que está de cor vermello, esa zona que está en cor vermello procederemos persoalmente a pechala", explicou Benigno Blanco. Ao estar dividido por zonas, "ao mellor non temos que pechar unha praia enteira senón pechar unha parte dela nada máis".

Cando falan de pechar, non se trata de impedir que a xente entre ou saia senón dun "control de accesos" que implicará, por exemplo, que cando saian 15 persoas entren outras 15, para minimizar ao máximo as aglomeracións e converter as praias de Marín en lugares anti contaxios.