A residencia de maiores Ballesol, no concello de Poio, recibiu a visita da Brilat. Concretamente o Batallón do Cuartel Xeral VII acudiu cunha compañía equipada con traxes NBQ. Trátase dunha indumentaria de protección individual empregada por militares e outros profesionais, para protexer o torso e as extremidades da exposición directa diante de axentes químicos, biolóxicos e para evitar o contacto con partículas radioactivas.
Neste centro de Poio desinfectaron as súas instalacións.
Igualmente fan a partir deste martes os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, que inician a desinfección dos exteriores das residencias de maiores, das de persoas con discapacidade e dos centros de saúde dos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes.
Están a desinfectar estas áreas rurais máis concorridas e nas que existe un risco superior de contaxio.
Tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborarán nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoras do propio servizo.
Todo o persoal deste servizo conta xa coa formación e co material de protección necesario para traballar con todas as garantías sanitarias, así como cos protocolos de actuación pertinentes.
A Xunta destaca que malia estas funcións adicionais debidas á situación de emerxencia sanitaria, queda garantida a súa plena dispoñibilidade para atender o seu principal cometido de prevención e extinción de incendios.