Desde este sábado está activo en Poio un dispositivo especial para reforzar os controis que xa se viñan realizando de xeito habitual para velar polo cumprimento das medidas adoptadas a raíz do estado de alarma que aínda permanece en vigor.
O motivo, evitar as posibles chegadas de cidadáns doutros municipios ás súas segundas vivendas, co gallo do comezo da Semana Santa.
O xefe da Policía Local, Antonio Duarte, explica que estes controis serán especialmente intensos nos lugares de acceso a Poio, como, por exemplo, a ponte da Barca e a rotonda da PO-308 situada á altura do enlace coa variante norte, na parroquia de San Xoán.
Ademais, os axentes tamén están a realizar unha maior vixilancia de espazos públicos, praias e parques. Trátase de lugares que permanecen pechados desde mediados do pasado mes de marzo, cando comezou o estado de alarma.
Tamén se reforzará todo o operativo naqueles núcleos e zonas do municipio onde existen un maior número de segundas vivendas.
A concellería de Seguridade Cidadá fai un chamamento á cidadanía para que continúen dando cumprimento das pautas marcadas polo Goberno español mentres dure o confinamento.
A lei contempla diferentes sancións económicos, en función da gravidade do incumprimento, que poden chegar ata os 600.000 euros ou mesmo a penas de prisión de tres meses a un ano.