Seis días despois da pelexa na Praza de Barcelos, que se saldou con tres mozos apuñalados e catro detidos -un quinto implicado está en procura-, os investigadores policiais regresaron ao escenario desta violenta liorta.
Fixérono, segundo confirman a PontevedraViva fontes da investigación, por mandato da xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
A maxistrada ordenou buscar pola zona máis armas, especialmente coitelos, que puidesen empregarse na pelexa.
Durante esta tarde, axentes da Policía Nacional, en colaboración coa Policía Local, rastrexaron as inmediacións do lugar no que se produciu a agresión.
Ademais destas armas, buscan calquera outro indicio que axude a que avance a investigación.
Mentres tanto, continúan os traballos para averiguar o paradoiro do quinto agresor que estaría involucrado nestes feitos.
Este mozo está xa identificado como sospeitoso, pero aínda non foi arrestado porque se atopa en paradoiro descoñecido.
Dous dos seus amigos, de nacionalidade colombiana como os outros dous detidos, atópanse xa en prisión, a onde os enviou a xuíza tras comparecer en sede xudicial, investigados polos delitos de lesións agravadas e homicidio en grao de tentativa.
Aos dous implicados que quedaron en liberdade a xuíza impúxolles comparecencias periódicas no xulgado, retirada do pasaporte e prohibición de saída do territorio nacional. Tampouco poderán aproximarse ás tres vítimas nin comunicarse con elas.
Un dos feridos, que teñen orixe magrebí e idades similares aos seus agresores, entre 20 e 25 anos, xa recibiu a alta, pero os outros dous permanecen ingresados en hospitais de Pontevedra e Santiago pola gravidade das feridas sufridas.