Investigan a desaparición dun mozo da Illa e a súa posible vinculación co narcotráfico

Pontevedra
03 de novembro 2021

A familia non presentou denuncia pola desaparición. Os grupos Greco e Udyco investigan o ocorrido con varias hipóteses abertas. Diario de Pontevedra apunta a que o mozo desaparecido formaba parte da tripulación dun buque que cruzou o Atlántico cun gran alixo de droga con destino á costa galega

Ponte da Illa de Arousa
Ponte da Illa de Arousa / Juan Mejuto

As dúas unidades da Policía Nacional especializadas na loita contra o tráfico de drogas, Greco e  Udyco, manteñen aberta unha investigación para aclarar a suposta desaparición dun mozo veciño da Illa de Arousa, duns 30 anos, e a súa posible relación co narcotráfico. 

O Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) e a Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) investigan o ocorrido con varias hipóteses abertas.

A información adiantouna este mércores Diario de Pontevedra, que apunta a que o mozo desaparecido formaba parte da tripulación dun buque que cruzou o Atlántico cun gran alixo de droga con destino á costa galega.

Fuentes oficiais da Garda Civil confirman que a familia non presentou denuncia sobre a desaparición nin este Corpo está a investigar nada sobre este tema. Dado que o mozo é veciño da  Illa, sería demarcación do instituto armado.

Con todo, fontes oficiais si confirmaron que a Policía Nacional investiga os feitos e que o resultado desa procura trasladarase á autoridade xudicial para que determine as dilixencias de investigación necesarias para determinar o ocorrido.

De momento, apenas existe información oficial sobre o ocorrido e o propio delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, referiuse ao asunto este mércores nun auto público indicando que prefire gardar o "silencio oportuno" ata que as forzas de seguridade conten con "información en profundidad".

"En el momento que tengamos información y se haga la investigación necesaria", explica, farase pública, pero, nestes momentos "la información que tenemos no es suficiente".