O Goberno vendeu 27 inmobles na provincia, confiscados por narcotráfico, por valor de 2 millóns de euros

Pontevedra
15 de novembro 2021

O delegado do Goberno, José Miñones, anunciaba a concesión á Xunta de Galicia de preto de 500.000 euros procedentes do narcotráfico para a prevención e atención a drogodependentes. Destaca que esta repartición devolve á sociedade galega parte do enorme dano que causa esta actividade delitiva  

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia recibirá 498.500 euros procedentes dos fondos de comisos de narcotráfico, segundo informaba nas últimas horas o delegado do Goberno, José Miñones. Ese diñeiro destinarase a programas relacionados coa prevención do consumo de drogas e atención a persoas drogodependentes. 

Esta repartición foi acordado nun convenio que asinaron a Delegación do Goberno do Plan Nacional sobre Drogas, a través do Ministerio de Sanidade, e a Xunta de Galicia. José Miñones afirma que con esta acción quérese devolver á sociedade parte dos enormes danos que causa o narcotráfico en Galicia.

As Forzas de Seguridade lograron confiscar 52 bens a narcotraficantes en Galicia durante 2020, 31 deles foron na provincia de Pontevedra. A maioría consistiron en obxectos de diverso tipo como material informático ou ferramentas, ademais de cinco vehículos.

Tamén durante o pasado ano, o Goberno vendeu 27 propiedades inmobles, todas pertencentes á provincia de Pontevedra, por unha cantidade de dous millóns de euros. Este diñeiro tamén se empregará para a loita contra a distribución, venda e consumo de drogas e para a atención de drogodependentes.

Neste 2021, segundo a Delegación do Goberno, 1.075.947 euros foron transferidos polo Goberno para programas relacionados co consumo de drogas á Xunta de Galicia, tanto a través dos orzamentos xerais do Estado como a través de créditos do Fondo de bens  comisados por tráfico ilícito de drogas.