Investigan a dúas responsables do obradoiro clandestino de churros por delitos de tráfico

Pontevedra
18 de decembro 2015

Dúas irmás foron identificadas e está investigadas pola Garda Civil, unha por conducir sen ter carné usando a identidade da súa irmá para tentar eludir a lei e a outra por deixarlle o coche a pesar de que sabía que non tiña permiso. Pilláronas cando facían unha repartición de churros elaborados no obradoiro con deficientes condicións hixiénico-sanitarias

Obradoiro clandestino de churros en Pontevedra
Obradoiro clandestino de churros en Pontevedra / Guardia Civil de Pontevedra

Dúas irmás que están consideradas como parte dos responsables do obradoiro clandestino de churros desmantelado nos últimos días no barrio de Campolongo foron identificadas e están a ser investigadas pola Garda Civil por delitos de tráfico que terían cometido durante a repartición deses churros elaborados nun local con graves deficiencias hixiénico-sanitarias. Unha non tiña carné e usaba o coche e a identidade da súa irmá para poder conducir tentando eludir a lei.

As dúas mulleres foron identificadas esta semana, unha despois de que se dese por desmantelado o obradoiro de churros, pero os delitos que se lle atribúen cometéronos con anterioridade, cando unha levaba os churros a un dos establecementos do centro de Pontevedra no que vendían a diario a mercadoría. 

A Garda Civil deulle o alto para realizar un control de tráfico e identificouna, achegando ela uns datos que posteriormente os axentes comprobaron que non eran dela. A muller non tiña carné de conducir e a súa irmá si, de modo que deu aos funcionarios policiais a identidade da outra. Por estes feitos, identificárona e están a investigar -a figura que antes se correspondía coa imputación, pero que desapareceu tras a última reforma da lei de enxuizamento criminal-. 

Segundo puido saber PontevedraViva, atribúenlle un delito contra a seguridade viaria por conducir sen carné e outro de usurpación de estado civil por facerse pasar pola súa irmá. Á outra muller tamén a investigan, atribuíndolle no seu caso a irregularidade de deixarlle o seu coche á súa irmá a pesar de que sabía que non tiña carné de conducir. 

En relación coa actividade do obradoiro de churros, non se atribúe aos seus responsables ningún delito, senón unha infracción administrativa por irregularidades tan graves como, por exemplo, elaborar a masa dos churros nunha mesa na que había esparexido material de raticidas mesturado con feces de roedores. O habitáculo, onde tamén se almacenaba a mercadoría e a maquinaria propia da venda ambulante, non cumpría os requisitos mínimos de salubridade.