Propoñen unha sanción de 15.000 euros para os 'churreiros clandestinos'

Pontevedra
05 de febreiro 2016

Fabricar churros no medio dunhas dubidosas condicións hixiénicas e sanitarias ten as súas consecuencias. En concreto, 15.003 euros de multa. É a contía da sanción económica que Sanidade propuxo para os responsables do obradoiro clandestino que foi desmantelado pola Garda Civil en Campolongo o pasado mes de decembro

Obradoiro clandestino de churros en Pontevedra
Obradoiro clandestino de churros en Pontevedra / Guardia Civil de Pontevedra

Fabricar churros no medio dunhas dubidosas condicións hixiénicas e sanitarias ten as súas consecuencias. En concreto, 15.003 euros de multa. É a contía da sanción económica que Sanidade propuxo para os responsables do obradoiro clandestino que foi desmantelado pola Garda Civil en Campolongo o pasado mes de decembro.

Así se recolle na resolución que publica este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG). Nela, as autoridades sanitarias impóñenlle aos donos deste taller tres infraccións graves en materia de seguridade alimentaria.

En concreto, por non contar con rexistro sanitario, incumprir a normativa en materia de hixiene e comercializar alimentos non seguros.

Ademais, a Xefatura Provincial de Sanidade confirma as medidas cautelares acordadas o 10 de decembro e que ordenaron a suspensión temporal da actividade no devandito establecemento e a intervención de todos os produtos que se atoparon no seu interior.

Ante esta resolución pódese presentar un recurso no prazo de quince días.

Este obradoiro clandestino abastecía, segundo a Garda Civil, a unha decena de establecementos de hostalería da cidade.

Tras inspeccionar o local, os axentes atopáronse con que na mesa de elaboración da masa dos churros había esparexido material de raticidas mesturado con feces de roedores. O habitáculo, onde tamén se almacenaba a mercadoría e a maquinaria propia da venda ambulante, non cumpría os requisitos mínimos de salubridade.

Ademais, os axentes que inspeccionaron o local contabilizaron ata unha vintena de bolsas de lixo grandes sen xestionar no interior do local e interviñeron nun arcón conxelador carnes, embutidos e outros produtos de alimentación con datas de consumo preferente pasadas.

Nunha segunda fase da investigación, os axentes conseguiron abortar a entrega dunha partida de churros nun establecemento hostaleiro da cidade. De forma simultánea, inspeccionáronse as instalacións do obradoiro e corroboraron que alí se traballaba sen ningún tipo de control sanitario, industrial e fiscal, con deplorables condicións hixiénico-sanitarias