Investigan o dono e a coidadora de tres cans tras morrer un e outro acabar grave por un golpe de calor

Pontevedra
26 de decembro 2025
Actualizado: 15:17

Ocorreu en Mourente en xuño. Ese mesmo día, comprometéranse a entregar os animais á protectora Os Palleiros por non poder atendelos, pero chamaron dicindo que alguén os envelenou

Intervención da Garda Civil en Mourente
Intervención da Garda Civil en Mourente / Guardia Civil de Pontevedra

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil investiga polos delitos de malos tratos animais ao dono de tres cans e á súa parella, que exercía de coidadora.

Os feitos polos que agora están ambos investigados ocorreron o pasado 9 de xuño na parroquia pontevedresa de Mourente.

Aquel día, o propietario dos cans comprometérase a entregalos á protectora Os Palleiros porque non podía atendelos, pero chamou á Garda Civil alertando que alguén os envelenara.

Axentes do Seprona acudiron ao lugar no que estaban os cans en compañía de persoal da protectora, dunha veterinaria colaboradora, do propietario e da súa parella.

Ao chegar, atoparon un can morto e outro con diversos síntomas como espasmos, convulsións e vómitos. Había un terceiro en aparencia ileso.

O can morto presentaba un rigor mortis avanzado nun día especialmente caloroso e os axentes do Seprona percibiron incoherencias no relato do propietario.

Así, por exemplo, o cadáver non tiña o rictus definido como 'risa sardónica', que sempre está presente nos cans envelenados, e tampouco había outros indicios moi comúns nestes casos como saliva espumosa ou sanguinolenta ou vómitos.

Intervención do Seprona da Garda Civil en Mourente
Intervención do Seprona da Garda Civil en MourenteGuardia Civil de Pontevedra

Aos axentes chamoulles a atención que tanto o can morto como o que tiña síntomas estaban mollados con abundante auga.

Ademais, o colector metálico que facía as veces de caseta de apeiros e refuxio dos animais limpárase recentemente. Estaba mollado e fregado.

Tanto o cadáver do can morto como as probas recollidas no lugar foron derivados ao laboratorio do Hospital Veterinario Universitario ROF CODINA en Lugo, para o seu estudo.

O can especializado en detección de velenos do grupo cinolóxico da Garda Civil e os axentes do Seprona reconstruíron co dono e a coidadora dos animais o itinerario que dicían realizar ese día en busca de posibles cebos envelenados, pero non atoparon nada. Tampouco no recinto onde se atopaban os cans.

Finalizadas todas as investigacións, concluíron que o can morto e o que tiña síntomas non tiñan ningún tóxico no seu corpo.

A necropsia non pudo determinar os detalles exactos da causa da morte, pero as investigacións realizadas chegaron á hipótese de que a morte do can produciuse por un golpe de calor por estar encerrados no interior do colector. Ese día había temperaturas superiores a 30 graos.

Tambén o informe veterinario do can con síntomas apunta a un golpe de calor como causa principal.

Este venres, 26 de decembro, medio ano despois, dáse por terminada a investigación policial e a Garda Civil remite as dilixencias ao Tribunal de Instrución de Garda de Pontevedra e á Fiscalía.

O propietario dos animais cedeu os cans á protectora, o can ileso para adopción e o enfermo para ser debidamente atendido.