Unha muller de 61 anos, natural de Cáceres e residente en Sanxenxo, está a ser investigada pola Garda Civil como presunta autora dun roubo con forza cometido nun establecemento hostaleiro do municipio a finais do pasado mes de abril.
A sospeitosa conta ademais con antecedentes policiais, segundo informaron fontes do instituto armado.
Os feitos producíronse de madrugada, cando a muller tería aproveitado que o local se atopaba baleiro para acceder ao seu interior tras forzar a entrada.
Unha vez dentro, presuntamente subtraeu ao redor de 700 euros en efectivo da caixa rexistradora e varias botellas de bebidas alcólicas.
A investigación iniciouse despois de que o responsable do negocio denunciase o roubo ante a Garda Civil.
A partir dese momento, axentes do Equipo de Investigación de Sanxenxo puxeron en marcha distintas dilixencias para esclarecer ocorrer e identificar á persoa responsable.
As pescudas permitiron aos investigadores reconstruír os movementos realizados pola sospeitosa antes e despois do asalto ao establecemento.
A información recompilada durante a investigación, xunto co resto de indicios obtidos, levou finalmente á identificación da presunta autora dos feitos.
A muller foi investigada como suposta responsable dun delito de roubo con forza.
As dilixencias instruídas xa foron remitidas ao Xulgado de Instancia e Instrución de Cambados, onde deberá comparecer cando sexa requirida pola autoridade xudicial.