Investigan un pontevedrés por furtar cartos e pezas de bronce en empresas de Cuntis e Moraña

Umia
19 de novembro 2025
Actualizado: 20 de novembro

Subtraeu bronce e uns 6.000 euros. O sospeitoso ten 43 anos e conta con antecedentes policiais, segundo informou a Garda Civil

Polígono industrial da Ran, en Cuntis
Polígono industrial da Ran, en Cuntis / Concello de Cuntis

Un home de 43 anos, veciño de Pontevedra e con antecedentes policiais, está a ser investigado pola Garda Civil como presunto autor de tres delitos de furto cometidos en empresas de Cuntis e Moraña.

A investigación iniciouse tras a denuncia presentada o 10 de xullo por un empresario do polígono industrial A Ran, en Cuntis, quen alertou de que unha persoa descoñecida accedera ás súas instalacións subtraindo unha peza de bronce valorada nuns 2.500 euros.

Apenas un día despois, o 11 de xullo, outra empresa do mesmo polígono denunciou un feito similar.

Neste caso relataron como un individuo estacionou o seu vehículo fronte ao negocio, accedeu a pé ao interior e chegou ata as oficinas, onde se fixo con 4.500 euros en efectivo antes de marchar sen ser detectado.

Mentres revisaban estes casos, os axentes atoparon unha denuncia previa, presentada en setembro de 2023 no posto de Cuntis.

Naquela ocasión, o afectado describía como un descoñecido aproveitara un descoido para entrar nunha empresa de Moraña e roubar unha mochila que contiña 1.500 euros.

A coincidencia no modus operandi e a análise das probas recompiladas permitiron identificar finalmente ao presunto autor do tres furtos.

O pasado 13 de novembro, a Garda Civil procedeu a investigalo formalmente polos feitos.

As dilixencias serán remitidas á sección civil e de instrución do Tribunal de Instancia de Caldas de Reis, onde continuará o proceso xudicial.

A Garda Civil lembra á cidadanía que, en casos de furto, é posible interpor denuncias de forma telemática a través da súa sede electrónica, facilitando así o trámite para os prexudicados.