Investigan se os tres incendios en propiedades abandonadas do venres foron intencionados

Pontevedra
10 de abril 2017

A brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional mantén aberta unha investigación para aclarar os tres incendios en propiedades abandonadas rexistrados durante a xornada do venres 7 de abril. Unha das hipóteses que se manexa é que os tres fosen provocados pola mesma persoa

Incendio nunha vivenda abandonada de Estribela
Incendio nunha vivenda abandonada de Estribela / Diego Torrado

A brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar os tres incendios en propiedades abandonadas realizados durante a xornada do pasado venres 7 de abril. Os lumes comezaron a distintas horas en diferentes puntos da cidade, pero teñen características coincidentes e en todos os casos parecen ser intencionados. 

O primeiro incendio produciuse á primeira hora da mañá, sobre as 7.50 horas, nunha casa abandonada da avenida Rosalía de Castro. O segundo, sobre as 18.50 horas na nave que acollía os antigos talleres Pazó en Mollabao. E xa o terceiro lume que está baixo sospeita iniciouse nunha casa abandonada da parroquia de Estribela pasadas as nove da noite. 

A Policía Científica da Policía Nacional xa acudiu ao longo do venres e o sábado aos tres puntos para analizar o ocorrido e recoller probas que permitan determinar as causas e posible autoría. A continuación, fíxose cargo da investigación da Policía Xudicial, que está a realizar investigacións tendentes a localizar ao responsable dos incidentes. Unha das hipóteses que se manexa é que os tres fosen provocados pola mesma persoa. 

O que causou maiores danos materiais foi o rexistrado pola noite na casa abandonada de Estribela, pois o interior quedou reducido a cinzas a pesar da rápida intervención dos bombeiros. No caso do lume da mañá, os bombeiros puideron constatar que empezou en dous pequenos focos,  un nunha habitación e outro na planta superior. Xa no caso da nave abandonada, no momento en que empezou o lume había dúas persoas, dous cans e dous gatos no interior, pero non houbo que lamentar danos maiores.