Investigan tres novas verteduras de pneumáticos en Poio

Poio
29 de xaneiro 2019

Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, unha delas localizouse nun regacho no Camiño da Bouza, outro nunha propiedade privada en Vilariño e o último no Pereiro - Casalvito

Verteduras de pneumáticos nunha propiedade privada de Vilariño
Verteduras de pneumáticos nunha propiedade privada de Vilariño / Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio descubriron tres novas verteduras de pneumáticos. Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, unha delas localizouse nun regacho no Camiño da Bouza, outro nunha propiedade privada en Vilariño e o último no Pereiro - Casalvito.

Os axentes municipais contaron máis de 150 pneumáticos. Xa en febreiro de 2018 localizáronse varias verteduras deste tipo.

A investigación aberta para identificar os responsables deste delito ambiental traballa coa sospeita de que os pneumáticos procedan de talleres que non tratan os residuos.

Por agora non se localizou ao responsable aínda que se puido concretar que as verteduras se fixeron pola noite.

A Policía Local de Poio ten previsto realizar inspeccións nos talleres de Poio.