O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Ribadumia, David Castro, a aprobación na vindeira Xunta de Goberno de tres proxectos ao abeiro do Plan +Provincia valorados en 387.600 euros.
Fíxoo este luns nun encontro de traballo no Pazo provincial, onde abordaron asuntos de interese mutuo para ambas as institucións e repasaron os proxectos e plans en marcha e previstos por parte da Deputación neste concello.
Na Xunta de Goberno da Deputación, prevista para o vindeiro luns, aprobaranse tres proxectos relacionados coa mellora dos servizos en distintos camiños de Ribadumia.
O primeiro deles está relacionado coa mellora do camiño municipal e redes de pluviais e saneamento no núcleo de Barroso, na parroquia de Sisán, unha actuación valorada en 124.480 euros.
A segunda céntrase na ampliación e mellora da servizos no Lugar da Cruz, na parroquia de Lois, por un importe de 119.750 euros.
Mentres que a terceira baséase na mellora de camiños municipais na parroquia de Lois por valor de 143.400 euros.
Neste encontro de traballo o mandatario provincial detallou ao rexedor os plans de investimento da Deputación neste Concello do Salnés para o ano 2025 a través dos distintos plans de Cooperación que ascenden a un total de 1,3 millóns de euros.
Así, a través do plan +Provincia ao Concello de Ribadumia lle corresponde un total de 534.684 euros; do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 107.656 euros; e do Plan Extra, 700.000 euros.