"Preocupación" e "condena" en Ribadumia por un novo acto vandálico na escola infantil

O Salnés
11 de abril 2025

O Concello fai un chamamento ao civismo e á conciencia cidadá para preservar os espazos públicos e evitar este tipo de comportamentos. Danaron os materiais e a maquinaria empregados nas obras

Actos vandálicos na zona da escola infantil de Ribadumia
Actos vandálicos na zona da escola infantil de Ribadumia / Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia manifesta a súa "firme condena" ante os actos vandálicos rexistrados na contorna da escola infantil municipal.

Tamén amosa a súa "preocupación" polo mantemento e a seguridade deste espazo público porque este non é o primeiro episodio de vandalismo na zona

Os actos sucederon durante a pasada fin de semana e supuxeron a destrución de materiais empregados nas obras de mellora que se están a levar a cabo no centro. 

Tamén causaron danos na maquinaria utilizada polos operarios e situada nas inmediacións do edificio.

O Concello condena estes actos como "feitos inxustificables" e sinala que está en contacto coa Garda Civil e as autoridades competentes para avanzar nas medidas que permitan evitar este tipo de comportamentos incívicos.

O goberno municipal tamén fai un chamamento á poboación e pide a súa implicación para coidar entre todos os espazos comúns.

"Preservar as instalacións municipais en bo estado é responsabilidade de todos e todas, e só a través do civismo e a conciencia social se poderá manter Ribadumia como un lugar coidado, seguro e agradable para vivir", sinala o Concello a través dun comunicado.

As obras en execución teñen como obxectivo reducir o consumo enerxético da instalación, mellorar o confort termoacústico e eliminar os riscos de desprendementos ou filtracións, ao tempo que se renova o aspecto exterior do centro.