Luz verde a un investimento de máis de 2 millóns de euros para mellorar a iluminación do Castelo de Soutomaior

Soutomaior
28 de febreiro 2025

Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do castelo, que ascende a máis de 2,5 millóns de euros e que está financiado polo Plan de Recuperación

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde ao proxecto para renovar a iluminación monumental e paisaxística do Castelo de Soutomaior.

Esta actuación conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros.

Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do castelo, que ascende na súa totalidade a máis de 2,5 millóns e que está financiado con fondos do Plan de Recuperación.

Este plan ao completo inclúe outras propostas como a mellora da accesibilidade na Torre da Homenaxe ou a introdución de novas tecnoloxías de realidade virtual.

A intención, segundo explicou o presidente provincial Luís López, é dotar ao recinto dunha nova iluminación ornamental, co obxectivo de trasladar á paisaxe nocturna a esencia da imaxe do castelo.

"O Castelo de Soutomaior e os seus xardíns son un referente patrimonial, cultural e turístico da nosa provincia e por iso seguimos traballando, para poñelo en valor e potencialo, manténdoo ademais en perfecto estado de conservación", defende o presidente da Deputación.

Ademais tamén se vai a executar a reforma eléctrica e da iluminación no castelo e na parcela na que se atopa.

A actuación contempla a renovación dunhas instalacións eléctricas obsoletas, a reforma do Centro de Transformación e a instalación dun novo grupo electróxeno e novos cadros eléctricos.