Investimentos da Deputación na cidade de Pontevedra coa mellora do sistema dixital e de dous campos de fútbol

Pontevedra
30 de maio 2025

Foron dous dos temas aprobados na Xunta de Goberno deste venres onde se decidía destinar arredor de cinco millóns para benestar social, deporte, investimentos municipais e eficiencia enerxética

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a mobilización de preto de 5 millóns de euros desde a Xunta de Goberno para actuacións estratéxicas nos eidos da eficiencia enerxética, benestar social, cultura, deporte e investimentos municipais en máis de 30 concellos da provincia.

“É un compromiso firme cos concellos e coa cidadanía”, afirmou.

Na área cultural, a Deputación aprobou as bases da segunda edición do programa Rías Baixas Acción, destinado ao patrocinio de producións audiovisuais.

Este ano medra un 61 % ata os 170.000 euros, con dúas liñas diferenciadas: 100.000 euros para curtametraxes, longametraxes e series, e 70.000 para documentais e podcasts.

As axudas oscilarán entre 3.000 e 25.000 euros, cun prazo de solicitude aberto ata o 30 de agosto.

“Somos a casa amiga do audiovisual. É un sector estratéxico, motor cultural, turístico e económico da provincia”, subliñou López.

No eido social, tamén se anunciou a nova edición do programa Provincia +Inclusiva, que aumenta o seu orzamento ata os 210.000 euros.

Esta iniciativa, dirixida a entidades sen ánimo de lucro, permite financiar actuacións para mellorar a accesibilidade, incluíndo desde proxectos arquitectónicos ata a adquisición de axudas técnicas como camas articuladas ou sistemas de comunicación inclusivos.

Como novidade, amplíase a todas as entidades con sede na provincia, fronte á limitación do pasado ano aos municipios de menos de 50.000 habitantes.

O deporte volve situarse como eixo estratéxico do goberno provincial con novos investimentos. A Deputación destinará 405.000 euros, un 50 % máis que no ano anterior, a apoiar deportistas de alto nivel, talentos emerxentes e persoas con discapacidade, así como adestradores e árbitros, que dispoñan de recoñecemento oficial.

As contías varían entre os 500 e os 3.000 euros segundo a categoría e méritos acadados en competicións nacionais e internacionais. “Esta é a provincia do deporte, e ninguén quedará sen apoio”, afirmou o presidente.

No ámbito das infraestruturas viarias, destaca o investimento de preto dun millón de euros para melloras en Mos e Cerdedo-Cotobade. En Cerdedo-Cotobade, investirase na mellora da iluminación da estrada EP-0405 entre A Xesteira e Almofrei, con 260.000 euros cofinanciados entre Deputación e Concello.

CONVENIOS CO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Luis López informou sobre dous convenios co Concello de Pontevedra sinalando que amosan a lealdade institucional e o apoio á capital da provincia.

Un deles, con 210.000 euros de investimento, permitirá a mellora do sistema de xestión dixital do Concello de Pontevedra, con especial atención á seguridade da información, interoperabilidade entre administracións, mellora de infraestruturas tecnolóxicas e axilidade nos procesos administrativos.

O proxecto contempla melloras nos sistemas de seguridade da información para garantir a protección dos datos da cidadanía, reforzo das redes e servidores para soportar a carga das tramitacións electrónicas e o desenvolvemento de ferramentas que faciliten a tramitación telemática.

Por outra banda, tamén se destinarán 143.000 euros para a renovación do céspede nos dous campos de fútbol do centro deportivo Manolo Barreiro na Xunqueira.

Este segundo convenio ten como obxectivo a mellora das instalacións deportivas municipais, con retirada do céspede actual, xa deteriorado polo uso intensivo e instalación dun novo céspede artificial de última xeración, con maior resistencia e mellores prestacións.

A través do Plan +Provincia 2025, a Deputación aprobou nesta Xunta de Goberno preto de 2,5 millóns de euros para investimentos e gasto corrente en 36 concellos. Destacan actuacións como o novo parque Urbano Lugrís en Bueu, con 900.000 euros financiados integramente pola Deputación.

“Estamos a demostrar que a Deputación é un motor de transformación real para os nosos concellos, un exemplo de xestión útil, próxima e eficaz”, concluíu Luis López.