Invitan a Pontevedra a integrarse nunha alianza internacional de cidades contra o cambio climático

Pontevedra
13 de maio 2015

A viaxe a Nova York tivo un final inesperado. Pontevedra integrarase proximamente nunha alianza internacional de cidades comprometidas coa loita contra o cambio climático. Esta iniciativa, denominada 'Compact of Mayors', está auspiciada por Nacións Unidas e pretende reunir un centenar de cidades que se significasen nos últimos anos polo respecto ao medio ambiente e á mellora da calidade de vida dos seus habitantes

Linda Gibbs sinalando no mapa a Pontevedra xunto a Miguel Anxo Fernández Lores
Linda Gibbs sinalando no mapa a Pontevedra xunto a Miguel Anxo Fernández Lores / Concello de Pontevedra

A viaxe a Nova York tivo un final inesperado. Pontevedra integrarase proximamente nunha alianza internacional de cidades comprometidas coa loita contra o cambio climático. Esta iniciativa, denominada 'Compact of Mayors', está auspiciada por Nacións Unidas e pretende reunir un centenar de cidades que se significasen nos últimos anos polo respecto ao medio ambiente e á mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Pontevedra é, polo momento, a única cidade española que pasará a formar parte deste selecto grupo no que se encontran, entre outras, Melbourne e Sydney (Australia), Seúl (Corea do Sur), Vancouver e Montreal (Canadá), París (Francia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Dakar (Senegal), Des Moines (Estados Unidos), Friburgo (Alemaña), Bristol (Reino Unido), Bos Aires (Arxentina), Caracas (Venezuela), Medellín (Colombia) ou Río de Xaneiro (Brasil). Todas elas se reunirán en decembro en París.

Esta oferta, que Pontevedra aceptará asinando o manifesto desta cooperativa, chega da man de Michael Bloomberg, enviado especial de Nacións Unidas para as cidades e o cambio climático. Foi a súa máis estreita colaboradora, Linda Gibbs -directora de Bloomberg Associated-, a que invitou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a unirse a esta iniciativa durante a entrevista que ambos os dous mantiveron este martes en Nova York.

As cidades integradas no 'Compact of Mayors' comprométense a adoptar medidas para reducir as emisións de gases contaminantes á atmosfera, limitar a súa vulnerabilidade dende o punto de vista ambiental e sentar as bases para fortalecer a resistencia global contra o cambio climático. Todo iso, ademais, rexistrando todos os progresos que se vaian facendo para un posterior estudo conxunto.

Esta alianza internacional ten a súa orixe no Cumio sobre o clima que a ONU celebrou o pasado 24 de setembro en Nova York. Na carta recibida por Pontevedra destacan que "o liderado da cidade en accións relacionas co clima urbano xa foi recoñecido dentro da comunidade local" e con esta iniciativa se busca que, todas estas cidades xuntas, "manden unha forte mensaxe de concienciación a todo o mundo".

Tras esta xuntanza, Fernández Lores mostrou a súa satisfacción por este ofrecemento recibido en Nova York porque "se hai unha cidade que traballa a favor da saúde pública, da redución de emisións e que permita que a xente viva nun sitio de alta calidade urbana, esa é Pontevedra". O alcalde reiterou que "estamos sendo un referente" e celebrou que, grazas ao traballo de todos, cidadanía incluída, "estamos poñendo no mundo a Pontevedra como exemplo".