Ioga no Gafos para celebrar o solsticio de verán con meditación, venda de produtos e música

Pontevedra
07 de maio 2025
Actualizado: 13:47

O sábado 21 de xuño haberá clases ao aire libre e diferentes actividades para achegar esta disciplina a toda a cidadanía, sen necesidade de inscrición previa e con participación gratuíta

Eva Vilaverde e Ela presentaron as actividades do Día do Ioga 2025
Eva Vilaverde e Ela presentaron as actividades do Día do Ioga 2025 / Pablo Ajuria / Brais Porto

O ioga volverá ocupar un espazo en Pontevedra co obxectivo de promover a cidade, a saúde e a comunidade.

A tenente de alcalde Eva Vilaverde e a instrutora Ela, de Flow Yoga, presentaron este martes unha nova edición da xornada dedicada ao ioga, que terá lugar o sábado 21 de xuño na contorna natural do río Gafos.

A actividade, que xa arrancou en 2024 con éxito para celebrar o Día Internacional do Ioga, promovido pola embaixada da India, busca consolidarse como unha cita anual en Pontevedra.

"Queremos encher os recunchos da cidade e o espazo público con actividade saudable", explicou Vilaverde.

A proposta suma Pontevedra a outras cidades como Madrid ou Barcelona na celebración desta data que promove o benestar físico e mental.

Ela, unha das promotoras do evento, destacou a diversidade de estilos de ioga dispoñibles: "Hai un estilo para cada persoa, todos podemos practicar ioga. Non é só relaxarse, tamén pode ser activo e dinámico, segundo o que precises".

O evento busca precisamente desmitificar o ioga e facelo máis accesible a todo o público: "Queremos quitar o tabú. Non é algo lonxano nin esotérico, é algo que transforma o teu corpo e a túa vida".

Haberá dous espazos de traballo, un dedicado máis a meditación e outro que terán finalidades máis activas "para quitar a pereza".

A xornada comezará ás 10.00 horas, e contará con 12 docentes de diferentes estilos, un mercadiño con ata nove postos, aos que aínda poden sumarse negocios interesados, un concerto final e sorteos entre os asistentes.

Non é necesario levar esterilla nin outro material, xa que a organización o fornecerá. Tampouco hai inscrición previa, só será preciso deixar un nome e teléfono por cuestións relacionadas co seguro nun posto que estará situado na zona.

O ano pasado, a iniciativa celebrouse na illa do Covo e congregou a máis de 300 persoas durante todo o día, con máis de 60 participantes en cada clase. "Pontevedra é unha cidade ideal para o ioga, pola súa tranquilidade e o estilo de vida", apuntou Ela.

A cita busca tamén promover os centros e profesionais locais de ioga, que cada vez contan con máis practicantes na cidade.