O Colexio Médico da provincia de Pontevedra celebraba este sábado o acto de homenaxe aos colexiados máis veteranos. Desta forma, foron citados aqueles médicos que desde o 6 de xullo de 2019 cumpriron 70 anos, despois de que en 2020 non se puidese celebrar este evento por culpa da pandemia.
Dos 152 médicos que alcanzaron esta idade durante este período, 66 asistiron ao acto e recibiron a Insignia Colexial e o Diploma de Colexiado Honorífico.
Ademais, tamén se facía unha mención especial a todos aqueles facultativos que faleceron desde xullo de 2019, un total de 72 profesionais. A sesión foi presentada polo vocal representante de Médicos Xubilados, Alberto Rodríguez Costa; e contou coa intervención do presidente do Colexio, Isidro Lago Barreiro e o secretario xeral, Jorge Nogueira.
Isidro Lago agradeceu aos homenaxeados a dedicación e a vocación mostrada ao longo da súa traxectoria e afirmou que, tras sufrir unha pandemia, "pasamos de héroes con aplausos a villanos, véase ahora lo que está pasando con la Atención Primaria", para engadir que a situación "no es de recibo después de lo que hemos conseguido todos nosotros, tener las cifras de pandemia que en ningún otro lado ha habido y evitar el colapso sanitario".
Lembrou os 122 médicos que faleceron en España debido á enfermidade de covid-19, o último deles pertencente á provincia de Pontevedra. Tamén lamentou a morte de 2.655 galegos pola pandemia.
Ao acto, que se celebraba na sede comarcal de Vigo, tamén asistiu o presidente de A.M.A., Luis Campos, a quen Isidro Lago agradeceu o seu apoio incondicional ao Colexio pontevedrés.