Un sendeiro azul máis… e xa van nove. Sanxenxo reforza o seu liderado nacional neste tipo de itinerarios con aval ambiental. Faino coa incorporación dunha ruta entre Nantes e Padriñán.
Trátase dun sendeiro que percorre o interior do municipio e que une o Con da Romaíña e o Con da Ventureira, que ten unha lonxitude de 3.985 metros e unha anchura media de dous metros.
O sendeiro conta cunha lonxitude de 3.985 metros e unha anchura media de dous metros.
O tempo medio estimado do percorrido é dunha hora e vinte e o grao de dificultade é baixo.
A maior parte do sendeiro transcorre por sendas naturais, pero existen tramos por pistas asfaltadas polo que levarán a cabo medidas para garantir a seguridade peonil co pintado de tres novos pasos de peóns e tres bandas peonís.

Estas actuacións irán acompañadas coa colocación de sinalización vertical de reforzo.
A senda parte do río Besada, no parque empresarial de Nantes, e trascurre polo Con da Romaíña, o Pazo da Maza e remata no Con da Ventureira.
Son espazos ligados a tradicións e lendas con gran arraigamento no municipio como A lenda da Moura ou a Lenda de Manolito e a Serpe.
A senda Con da Romaíña-Con da Ventureira enlazaría, a apenas uns metros, coa Ruta dos Carballos de Aldariz sumando preto de dez quilómetros.
Desde a Concellaría de Turismo e Praias xa se encargou a cartelaría e a sinalización da ruta para marcar o itinerario e destacar en paneis os puntos da senda.
Con esta senda son tres as que transcorren polo interior do municipio e que contan con este distintivo de calidade xunto á do Río Pintillón (Dorrón) e a dos Carballos de Aldariz.
A estes sumaríanse o seis do litoral: sendeiro litoral Areas-Punta Festiñanzo, sendeiro litoral Canelas-Punta Cabicastro, sendeiro litoral Montalvo-Major, sendeiro litoral Paxariñas-Montalvo, sendeiro litoral Sanxenxo-Portonovo e sendeiro máxico da Lanzada.
O programa Sendeiro Azul recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e camiños, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental ou para o goce da natureza a través de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.