Para Iván Puentes, a agresión rexistrada na Praza de Barcelos, con tres mozos acoitelados, é un feito "moi grave" ante o que os pontevedreses están "preocupados". "Non debemos caer na tentación de minusvaloralo", sostivo, pero tampouco "caer na tentación contraria".
"Non podemos alarmar aínda máis á poboación e xerar a sensación de máis inseguridade da que realmente existe na cidade", reivindicou o portavoz municipal do PSdeG-PSOE, que felicitou ás forzas da orde por actuar "en cuestión de minutos".
O que procede, a partir de agora, é "deixar que a policía traballe", reclamou Puentes, investigando as razóns polas que se produciu esta pelexa entre pandillas para, unha vez coñecidas, os poderes públicos poidan "actuar".
A este respecto, o dirixente socialista destacou que a Policía Nacional incrementará a presenza policial en Barcelos, un punto que xa estaba identificado como lugar de trapicheo de droga, para evitar que este tipo de situacións se repitan no futuro.
Ademais, lembrou que, de acordo co goberno municipal, o PSOE aprobará no próximo pleno unha modificación de crédito que permitirá incrementar os axentes da Policía Local, cubrindo todas as vacantes existentes na actualidade -trece actualmente-.
"Iso é o que procede facer nun estado democrático e nunha cidade normal e democrática como na que vivimos", subliñou Iván Puentes, que foi extremadamente duro co PP.
Aos populares vinculounos coa "carroña", coa "política basura" e cos intentos de "criminalizar" a determinados colectivos, empregando o "amarillismo" e o "populismo".
Puentes lamentou que "desgraciadamente" o PP de Pontevedra "non sexa alleo" ao que Vox e o PP fan no resto de España, convocando unha rolda de prensa no lugar dos feitos, algo que ao seu xuízo "só ten un nome e non é política, é carroña".