A Subdelegación do Goberno en Pontevedra informou este mércores que hai catro detidos e unha quinta persoa identificada e pendente de que se realice a súa detención en relación á pelexa rexistrada este martes na Praza de Barcelos, na que tres mozos resultaron feridos por arma branca.
Ante estos feitos, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, reiterou que Pontevedra "é unha cidade non só segura, senón extremadamente segura".
Segundo referiu, no primeiro cuadrimestre deste ano as estatísticas oficiais mostran unha baixada dun 6,18% nos delitos penais.
"Así que estamos na tendencia de ser aínda unha cidade máis segura, nunha provincia segura, nun dos países máis seguros do mundo", insistiu.
Abel Losada felicitou á Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra "pola pronta resolución coa detención dos supostos autores" na pelexa.
Con todo, o subdelegado incidiu en que "non minimizamos nin minusvaloramos o sucedido onte pola tarde na praza de Barcelos".
A este respecto, anunciou que a Policía Nacional vai despregar "de maneira inmediata" un dispositivo de vixilancia nesta praza "pois é certo que ao redor das canchas de baloncesto detectouse un foco de conflitividade con estas pandillas e mesmo de trapicheo de drogas".
Abel Losada explicou que o propio comisario confirmoulle que "á vista do sucedido onte vaise a intensificar a presenza policial e imos estar encima da situación".
Dito isto, o subdelegado criticou "o oportunismo dun sindicato" por demandar a solicitude dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra.
"A petición chega tarde", dixo Losada, lembrando que foi xa formulada polo comisario xefe provincial "de acordo con este subdelegado" e a solicitude "leva xa un tempo, por tanto, na mesa do xefe superior de Policía en Madrid".
"Seguiremos traballando para a creación desa UPR na comisaría de Pontevedra para atender á cidade de Pontevedra e tamén a Marín e Vilagarcía" afirmou Abel Losada que tamén destacou que a UPR "é un paso adiante, pero tampouco é a panacea".
Losada tamén sinalou que "o Partido Popular tivo un presidente do Goberno de Pontevedra e a UPR non se creou durante todo ese tempo".
"Por favor, deixen traballar", pediu Losada incidindo en que na comisaría de Pontevedra "hai máis policías que nunca e desde logo moitos máis que cando gobernaba o Partido Popular en Madrid".
Por último, o subdelegado censura "o oportunismo e a demagoxia do PP" por convocar para este mércores unha rolda de prensa no lugar "para tratar de sacar réditos políticos".
"Esta maneira de facer política paréceme repugnante", finalizou Losada.